"A renovación da Normal como edificio sustentable pode representar unha referencia para a sociedade no seu conxunto"

Domingo Calvo Dopico é o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica da Universidade da Coruña (UDC). A institución acadou polo proxecto levado a cabo no edificio da Normal o galardón ao Mellor Proxecto de Eficiencia Enerxética nos Premios Galicia Enerxía 2020, convocados pola Asociación de Enxeñeiros Industriais, en colaboración co ICOIIG.

 

Para levar a cabo este proxecto, antes de nada, realizaron unha auditoría enerxética, cales foron os principais problemas ou aspectos que se podían mellorar na Normal?

O principal problema que se detectou foi que existía un exceso de consumo enerxético. Ese exceso de consumo supón retos, non só económicos, senón tamén enerxéticos e medioambientais. Doutra banda, detectouse unha oportunidade de lograr un maior aproveitamento de enerxía.

 

A partir de aí, en que puntos deciden actuar?

As medidas que esperamos implementar co proxecto no edificio da Normal abarcan diferentes programas de aforro, entre os que destacan, o uso de iluminación led con detectores de presenza nas aulas, o cambio da caldeira de gasóleo a caldeira de gas, a instalación de cabezais termostáticos nos radiadores, a monitorización do consumo enerxético ou o uso de enerxías renovables, como é a instalación de paneis fotovoltaicos. A combinación de todas estas medidas xerou un aforro dun 44 % do consumo de enerxía primaria non renovable e a redución de 161 toneladas de dióxido de carbono ao ano.

 

A Normal convértese así no primeiro edificio enerxeticamente sustentable das tres universidades galegas, van continuar con esta liña de actuación noutros edificios?

A renovación da Normal pode representar unha referencia non só dentro do sistema universitario galego, senón tamén para a sociedade no seu conxunto xa que podería ser replicable noutras institucións.

O proxecto para transformar A Normal nun edificio sustentable enerxeticamente vai ser implantado noutros edificios da nosa universidade. En concreto, o seguinte edificio en que pretendemos aplicar esta filosofía de traballo é o Pavillón de Deportes. Ademais, esta iniciativa, ao se impulsar e desenvolver no contorno universitario, pode promover unha maior  concienciación entre as novas xeracións de profesionais que se están formando actualmente na UDC.

 

Supuxo unha alegría enorme recibir este premio. Consideramos que é o resultado de moitas horas de traballo e dedicación en favor da sustentabilidade enerxética, a preocupación polo coidado da natureza e co obxectivo de buscar unha xestión eficiente e óptima dos nosos recursos naturais, enerxéticos e económicos

 

Unha vez en funcionamento, cales son as vantaxes, ademais das medioambientais, dun edificio enerxeticamente sustentable?

Un edificio enerxeticamente sustentable é aquel que minimiza o uso das enerxías convencionais, principalmente a enerxía non renovable, coa finalidade de lograr aforros económicos e facer un uso racional da enerxía. Tanto a tecnoloxía como os hábitos responsables fan posible un menor consumo de enerxía e que mellore a calidade de vida e o benestar.

 

Que supón para vostedes ganar o premio ao Mellor Proxecto de Eficiencia Enerxética?

A noticia de que o proxecto para executar obras para a optimización enerxética integral do edificio da Normal fora recoñecido co premio ao Mellor Proxecto de Eficiencia Enerxética supuxo unha alegría enorme. Consideramos que é o resultado de moitas horas de traballo e dedicación en favor da sustentabilidade enerxética, a preocupación polo coidado da natureza e co obxectivo de buscar unha xestión eficiente e óptima dos nosos recursos naturais, enerxéticos e económicos.

 

Desexa engadir algunha outra cuestión?

Queremos destacar dúas cuestións de interese. Por unha banda, agradecer a convocatoria que promoveu o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que desenvolveu unha convocatoria de concorrencia competitiva dirixida a proxectos con obxectivos técnicos, económicos e ambientais. 

Doutra banda, queremos agradecer o excelente traballo desenvolvido polo equipo de traballo de Seingenia, quen colaborou de maneira moi estreita coa Universidade no desenvolvemento deste proxecto. Trátase dun proxecto técnico, moi ben fundamentado e elaborado, que coidou todos os detalles, tanto na auditoría enerxética como no  proxecto.

Compartir esta noticia: