Entrevista a Xurxo López Socio co-fundador e Director Executivo de E.NOVA ENERXÍA, tras haberle otorgado un accésit dentro de la categoría a la mejor actuación en energía.
Unha vez que xa se efectuou a entrega dos Premios da Industria e Enerxía de Galicia 2026, o pasado 5 de xuño, entrevistamos a Xurxo López, Socio co-fundador e Director Executivo de E.NOVA ENERXÍA, tras outorgarlle un accésit dentro da categoría á mellor actuación en enerxía, para falar do seu proxecto e o seu papel na enxeñería industrial.
Xurxo respondeunos a estas preguntas:
1. O que significa para e.nova enerxía recibir este accésit por un proxecto vinculado ao sector primario galego?
Para e.nova enerxía este accésit constitúe unha enorme satisfacción e un importante recoñecemento ao traballo desenvolvido polo noso equipo. Que estea vinculado a un proxecto nunha explotación gandeira confírelle, ademais, un valor especial, porque o sector primario é prioritario para nós, xa que forma parte da identidade económica e social do noso país cun papel esencial no seu desenvolvemento.
Entendemos que non é só un recoñecemento á calidade técnica dunha instalación, senón tamén á capacidade da enxeñaría para dar resposta aos desafíos reais das explotacións agrogandeiras mediante solucións innovadoras, eficientes e sustentábeis. É, igualmente, un estímulo para continuar a traballar en base á nosa filosofía 360º, cunha visión a longo prazo, na que a transición enerxética vire nun factor de competitividade e de creación de valor para o territorio.
2. Que desafíos supón desenvolver solucións enerxéticas para granxas gandeiras como SAT Vila Alborés?
Este proxecto resultou da retroalimentación entre o marketing, entendido como o coñecemento e comprensión do cliente a tal nivel que un produto ou servizo se adapte perfectamente a este e se venda por si propio, e a enxeñería, entendida como o conxunto de técnicas que permiten a aplicación dos coñecementos científicos á resolución de necesidades e problemas humanos do xeito máis eficiente posíbel.
Así, o principal desafío consistiu en comprender que cada explotación é unha realidade singular. Os perfís de consumo, os procesos produtivos, a dispoñibilidade de espazos ou as previsións de crecemento son diferentes en cada caso, polo que non existen solucións estándar.
A nosa responsabilidade como enxeñeiros é analizar esa realidade e deseñar unha solución que se adapte plenamente ás necesidades do cliente, maximizando o aproveitamento da enerxía xerada e garantindo a súa viabilidade técnica e económica ao longo do tempo.
Nunha explotación gandeira, a enerxía constitúe un recurso estratéxico. Por iso, o verdadeiro reto non consiste simplemente en instalar paneis fotovoltaicos, senón en integrar a xeración renovábel dentro do funcionamento da explotación para que contribúa a mellorar a súa eficiencia, reducir custos e incrementar a súa capacidade competitiva.
3. Como pode a enxeñaría axudar a facer as actividades do sector primario máis sustentábeis e competitivas?
A enxeñaría é unha ferramenta fundamental para transformar os retos actuais en oportunidades de mellora. A través da análise técnica, da planificación e da innovación é posíbel optimizar procesos, reducir consumos, incrementar a eficiencia e incorporar tecnoloxías que permitan producir máis e mellor cun menor impacto ambiental.
Mais o papel da enxeñaría vai moito máis alá da dimensión tecnolóxica. Tamén consiste en acompañar os produtores na toma de decisións, identificar as solucións máis acaídas para cada realidade e asegurar que os investimentos realizados xeren beneficios sostidos no tempo.
Nun contexto marcado pola volatilidade dos mercados enerxéticos e pola crecente esixencia ambiental, a enxeñaría vira nun aliado estratéxico para garantir a sustentabilidade económica e ambiental das explotacións.
4. Cre que este tipo de proxecto marcará o futuro enerxético do medio rural galego?
Estamos convencidos de que si. A transición enerxética do medio rural xa está en marcha e o autoconsumo fotovoltaico combinado con almacenamento representa unha das súas principais ferramentas. Cada vez son máis as explotacións que entenden a enerxía non como un gasto inevitábel, senón como un ámbito no que é posíbel mellorar a competitividade mediante unha planificación adecuada.
Nos próximos anos veremos unha integración crecente da xeración fotovoltaica, dos sistemas de almacenamento, da monitorización intelixente e doutras solucións dixitais que permitirán optimizar o uso da enerxía e incrementar a autonomía das explotacións.
Galicia dispón dun sector primario dinámico e dun tecido empresarial con capacidade técnica para liderar esta transformación. O importante será continuar a desenvolver proxectos adaptados ás necesidades específicas de cada explotación, sempre desde unha perspectiva de calidade, innovación e visión de futuro.
5. Que oportunidades ofrecen as enerxías renovábeis para as pequenas e medianas granxas?
As oportunidades son moi relevantes. En primeiro lugar, permiten reducir de maneira significativa os custos enerxéticos, mellorando a rendibilidade das explotacións e diminuíndo a súa dependencia das variacións do mercado eléctrico.
Ao mesmo tempo, favorecen unha maior autonomía enerxética, reducen a pegada ambiental e contribúen a reforzar a imaxe dun sector cada vez máis comprometido coa sustentabilidade, un aspecto crecente en importancia tanto para os consumidores como para as cadeas de distribución.
Pero, sobre todo, as enerxías renovábeis e o almacenamento representan unha oportunidade para modernizar o sector primario. Cando se integran cun proxecto de enxeñaría rigoroso, deixan de ser unicamente unha fonte de electricidade para converterse nun instrumento que permite mellorar a eficiencia, impulsar a innovación e reforzar a competitividade das explotacións a longo prazo.
En e.nova enerxía estamos convencidos de que o futuro do sector primario pasa por combinar coñecemento, tecnoloxía e sustentabilidade. Ese é o camiño para construír explotacións máis eficientes, máis resilientes e mellor preparadas para afrontar os desafíos das próximas décadas.

