O TFM unha das partes máis importantes da carreira de Enxeñería | ICOIIG

O  TFM unha das partes máis importantes da carreira de Enxeñería | ICOIIG

Hoxe finaliza o prazo para presentar os Proxectos ás Distincións a Proxectos Fin de Máster (Convocatoria 2021), e por iso entrevistamos a Daniel Piñeiro Rielo , un dos gañadores das Distincións a Proxectos Fin de Máster na Convocatoria do 2020, para que nos conte a súa experiencia e así animar aos titulados do Máster en Enxeñería Industrial das Escolas Técnicas Superiores de Enxeñeiros Industriais de Galicia e aos asociados alumnos da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia ( AIIG), que aprobasen o seu Proxecto Fin de Máster, a que presente o seu TFM nesta ou en próximas convocatorias.

¿Son realmente estas distincións un estímulo á hora de facer o TFM?

O Proxecto Fin de Mestrado é probablemente unha das materias máis importantes da etapa académica na enxeñería, tanto pola dedicación de tempo como pola dificultade técnica que pode chegar a alcanzar. É a culminación tras moitos anos de estudo e unha gran oportunidade para lucirse e para aplicar e afondar no aprendido. Se lle engadimos o feito de saber que ademais existía a posibilidade de recibir unha distinción por parte dun organismo como o ICOIIG para min supuxo un punto de motivación extra.

¿Que supuxo para vostede obter este premio?

Chegar a rematar satisfactoriamente o Proxecto Fin de Mestrado xa é todo un éxito en si, pero sen dúbida obter este premio supuxo un gran orgullo, polo recoñecemento ao esforzo e ao traballo que foron necesarios para levalo a cabo. A maiores, este tipo de iniciativas axudan a visibilizar algúns dos traballos que realiza o alumnado da Universidade, algo moi positivo.

¿Que fas actualmente?

Actualmente estou traballando en Madrid no departamento de Mechanics de Esteyco, unha empresa que se dedica aos servizos profesionais de arquitectura civil e enxeñería. No meu departamento en concreto abordamos problemas non convencionais no campo xeral da mecánica estrutural, como o deseño e análise de estruturas e sistemas mecánicos complexos, dando resposta a problemas que requiren ir máis alá do que é a práctica común. Para iso, empregamos ferramentas CAD, software para o cálculo por elementos finitos, etc.

¿Incluíches esta distinción no teu CV?

Estou seguro de que incluír este premio no CV axudoume a chegar ata aquí.

¿Que lles dirías aos alumnos para animalos a presentar o seu traballo?

Para finalizar, anímovos a todos e todas os que defendestes o voso proxecto durante o difícil 2020 a que presentedes o voso traballo a esta convocatoria. A Distinción deste ano estou seguro de que terá un valor engadido e canta máis participación máis se enriquece esta iniciativa.

Estas Distincións outórgaas o ICOIIG desde o ano 2004 co fin de estimular o traballo dos futuros Másteres en Enxeñería Industrial, na realización das súas TFM. Pódense consultar os gañadores de todas as edicións na Web de Distincións

A través da Web do ICOIIG pódese presentar a documentación cumprimentando o Formulario de inscrición

Compartir esta noticia: