Nota de Prensa de SOGAMA sobre la Visita técnica del ICOIIG al Complejo medioambiental de Cerceda.

O COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS INDUSTRIAIS DE GALICIA INTERÉSASE POLA OPERATIVA TÉCNICA DE SOGAMA

 

  • Membros deste colectivo desprazáronse esta tarde a Cerceda  para visitar o complexo medioambiental da Sociedade e coñecer de preto o proceso de xestión industrial desenvolvido no mesmo.
  • Tras ser recibidos polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez, estiveron acompañados en todo momento polo Director Xeral da compañía, Isidro García, quen lles proporcionou as oportunas explicacións sobre a tecnoloxía instaurada na planta e melloras futuras a acometer na instalación para dar resposta aos retos establecidos pola economía circular.
  • Os integrantes do grupo tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado pola infraestrutura e ver in situ o itinerario que segue o residuo desde que entra ata que sae convertido en recurso.

Cerceda, a 5 de maio de 2017.-  Membros do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), con sede en A Coruña, visitaron esta mesma tarde o complexo medioambiental de Cerceda interesados por coñecer de primeira man a operativa loxística e técnica desenvolvida no mesmo e na que ten unha gran peso a enxeñaría nas súas diferentes modalidades.

TECNOLOXÍA PUNTEIRA

O grupo, que foi recibido polo Presidente da Sociedade, Javier Domínguez, estivo acompañado en todo momento polo Director Xeral de Sogama, Isidro García, Enxeñeiro Superior Industrial de formación, quen se encargou de proporcionar as oportunas explicacións sobre o modelo de xestión de residuos urbanos polo que apostou a compañía e no que se prioriza a aplicación da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que complementa coa recuperación enerxética da fracción non reciclable. Foi esta última parte a que espertou unha maior curiosidade no colectivo dada a utilización de tecnoloxías de última xeración que permiten á compañía garantir un proceso absolutamente respectuoso coa integridade da contorna e a saúde pública.

O sistema de xestión, líder no noso país, puido ser comprobado, in situ, polos visitantes, ao ter a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental de Cerceda.

Alí puideron ver a planta de clasificación de envases, onde se separan de forma automática, a través de lectores ópticos, campás aspiradoras, electroimáns e correntes de Foucault, os distintos materiais depositados polos cidadáns no contedor amarelo, accedendo posteriormente á nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, onde se trata a bolsa negra (orgánicos e non reciclables) recollida a través do contedor verde convencional, separando, tamén a través de autómatas, a parte susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio e vidro) e preparando co resto un combustible derivado de residuos (CDR) que é valorizado nunha planta termoeléctrica para producir electricidade.

García Téllez argumentou a firme aposta que a empresa fixo no seu momento pola tecnoloxía de Leito Fluído Circulante, a única en España para plantas deste tipo, debido á boa distribución de temperaturas (superiores a 850ºC) e osíxeno no fornos, extremo que propicia unha combustión máis homoxénea, eficiente, completa, estable e de alto rendemento, dando como resultado emisións que se sitúan en todos os casos moi por baixo dos límites legais.

INNOVACIÓN E ECONOMÍA CIRCULAR

Como non podía ser doutro xeito, o Director Xeral desta empresa pública falou tamén de futuro e economía circular, describindo o proceso de ampliación industrial que abordará Sogama e que lle permitirá incrementar a capacidade da súa infraestrutura nun 81%, pasando das 550.000 toneladas/ano a 1 millón, podendo garantir, de ser o caso, o tratamento óptimo de todos os residuos urbanos producidos en Galicia.

Esta mellora permitiralle aumentar a súa achega ao reciclado en 120.000 toneladas anuais e diminuír o vertido a valores meramente testimoniais, pretendendo a empresa chegar ao vertido técnico cero.

En xaneiro de 2019, momento no que xa estará culminado o proceso de ampliación, Sogama pasará a converterse nunha das plantas da súa modalidade máis grandes e eficientes de Europa e do mundo.

Saúdos, Departamento de Comunicación

Publicado
Categorías
Delegaciones
Etiquetas
Compartir